O castelo de Vimianzo énchese de literatura, oralidade e contacontos durante a fin de semana
Este venres comeza a segunda edición de Vimianzo MOLA, con presentacións literarias e conversas con María Oruña e Arantza Portabales

O castelo de Vimianzo acollerá este venres 4 de setembro a segunda edición de Vimianzo MOLA, o festival de murais, oralidade, literatura e artes que volve converter o recinto histórico nun punto de encontro arredor dos libros, a palabra, a creación artística e a memoria.
A primeira xornada estará dedicada especialmente á literatura e ás propostas para público familiar, cun programa que se desenvolverá durante toda a tarde e que contará coa presenza de autores e autoras da Costa da Morte e de dúas das escritoras galegas con maior proxección no panorama literario actual.
A programación comezará ás 18:00 horas con dúas actividades simultáneas. Por unha banda, Modesto Fraga presentará A Biblioteca da Fisterranía, nun encontro no que estará acompañado por Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (Aptcm) e responsable do hotel Bela Fisterra.

Ao mesmo tempo, o público cativo poderá desfrutar do contacontos Os Contos de Shakespeare, a cargo de Pedras de Cartón, unha proposta para achegar a obra do dramaturgo inglés aos máis novos a través da narración oral.
Ás 19:00 horas chegará unha nova presentación literaria, neste caso a cargo do escritor da Costa da Morte Julio Romero Suárez, que dará a coñecer a súa obra 'A Primeira Dama', un relato no que Michelle Obama convértese en protagonista do Camiño de Santiago.
Tamén ás 19:00 horas, o público familiar terá unha nova cita co teatro de monicreques da man da compañía A Cova das Letras, da actriz Cris Collazo, que representará Costureiriña Bonita. A peza constitúe un recoñecemento ás mulleres costureiras e á moda galega na emigración a través do xogo e propón unha experiencia interxeracional na que se combinan música, títeres, lendas e participación do público para deixar voar a imaxinación.
A xornada rematará ás 20:00 horas coa primeira das Conversas a pé de páxina, un dos principais espazos de encontro literario do Vimianzo MOLA.
Nesta primeira conversa, a xornalista Patricia Blanco conducirá un encontro con María Oruña e Arantza Portabales, dúas escritoras galegas de enorme éxito que conseguiron situarse entre as autoras máis lidas do panorama literario estatal. Ambas contan cunha ampla traxectoria na novela e compartirán no Castelo de Vimianzo unha conversa arredor da literatura, a creación e as súas experiencias como escritoras, nun encontro aberto ao público.

Paralelamente á programación, desde as 18:00 horas e ata o remate da xornada, o Castelo de Vimianzo contará cunha feira de libros con librarías locais, que permitirá ao público achegarse ás obras dos autores e autoras participantes e descubrir novas propostas literarias. A feira permanecerá aberta durante toda a tarde e será tamén un espazo para o encontro entre lectores, escritores e o tecido cultural e literario da comarca.
Con esta primeira xornada, Vimianzo MOLA dá o primeiro paso nunha segunda edición que se prolongará durante o sábado 5 e o domingo 6 de setembro, con clubs de lectura, presentacións, máis conversas literarias, narración oral, espectáculos familiares, música, visitas teatralizadas e novas actividades arredor da literatura e da memoria.
O sábado presentarán as súas obras os autores Anxo Mouzo Moreira, María Canosa e Nerea Pallares. Nas Conversas a pé de páxina participarán os autores Alberto Lema e Rosalía Fernández Rial, mentras que a autora Guadalupe Vázquez Formoso asinará exemplares da súa última publicación entre as 19.00 e as 20.00 horas. A partir das 21.00 horas haberá un concerto e unha hora despois, visita nocturna teatralizada.

O domingo haberá novas presentacións a cargo dos autores Manuel Canosa Trillo e Alberto Mancebo, coa súa última novela “Os tres nomes de Sartegua”, ambientada nunha parroquia do concello vimiancés. José Pardiñas Alvite asinará exemplares da súa obra “En vísperas de nada” e nas últimas Conversas a pé de páxina intervirán Montse Fajardo, Luis Sánchez e Luis Lamela.












