
Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo levan anos impartindo a docencia no instituto Maximino Romero de Lema de Baio, no municipio de Zas, onde recibiron numerosos premios e recoñecementos polo seu labor. Como profesores de Informática, o seu traballo está intimamente ligado ás novas tecnoloxías, especialmente no ámbito da intelixencia artificial (IA), da que intentan sacar o máximo proveito para a atención á diversidade do alumnado dentro da aula.
Este ano Fina Paulos e Óscar Rey foron elixidos os mellores docentes de España, según Educa Abanca. Tamén recolleron os premios nacionais a experiencias educativas que fomentan a competencia dixital. Os dous acaban de incorporarse ao Consello da Cultura Galega e tamén quedaron como finalistas dos Premios Mentes AMI que promove a Fundación Atresmedia, co seu proxecto ‘Miño en Xogo’, dentro da categoría da competencia dixital.
Cun extenso currículo, Fina e Óscar consiguen revolucionar as aulas dende o medio rural, grazas ao seu esforzo e adicación, e loitando dende un lugar periférico como é A Costa da Morte. Coinciden en que o título de mellor profesor demostra que desde unha pequena comunidade rural con poucos recursos “pódese liderar a innovación educativa grazas ao traballo colaborativo do claustro, as familias e o alumnado”.
Como novos membros do Consello da Cultura Galega, traballarán nun equipo amplo empregando a IA como ferramenta
Os dous recoñecen que non existen fórmulas máxicas para obter este galardón e que para eles o maior recoñecemento foi o de seren propostos polo propio alumnado. “Ser mellor profesor non significa ter as mellores notas nin as tecnoloxías máis avanzadas; significa acompañar, motivar e dar oportunidades”, indica Óscar, consciente de que habitualmente na Formación Profesional “hai moito alumnado que chega desmotivado e precisa que alguén confíe nel”. Fina tamén coincide en que é imprescindible escoitar ao alumnado e procurando que “o que se aprende teña sentido dentro e fóra da aula”.
A súa recente incorporación ao Consello da Cultura Galega, na sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade supón un recoñecemento que vai máis alá do ámbito escolar, e que implica unha gran responsabilidade. O seu obxectivo é que grazas a este órgano “a recuperación da memoria e do patrimonio, e o uso ético da IA non queden como experiencias illadas, senón que se poidan replicar noutros centros e territorios”, indica Fina. Pretenden empregar a IA como ferramenta transversal traballando cun equipo amplo que lles permitirá levar a cabo diferentes proxectos. Entre eles figura “poñer a semente para a recuperación de películas perdidas”, onde tamén se implicará a profesionais do ámbito cinematográfico.

Tamén pretenden colaborar co Proxecto Nós, unha iniciativa da Xunta e da Universidade de Santiago de Compostela para incorporar a lingua galega á IA, poñendo así en valor o noso idioma, entre outras propostas.Educar, acompañar e concienciar
Como especialistas en Intelixencia Artificial, Paulos e Rey non son alleos aos perigos que implica para a sociedade en xeral debido ao mal uso que se fai dela, polo que apelan á unha correcta formación. “A IA avanza moi rápido e trae riscos reais como desinformación, deepfakes, sesgos, privacidade e uso indebido de datos”, sostén Fina, de aí a importancia de educar neste ámbito. “Se educamos en pensamento crítico, verificación de fontes e uso responsable, a IA pode ser unha vantaxe”, defende Óscar, consciente de que en caso contrario “pode amplificar desigualdades e manipulación”.
Os dous docentes coinciden en que a tecnoloxía chegou máis rápido que a regulación, polo que é imprescindible a formación docente e a educación familiar. Poñer límites claros, acompañar, educar e concienciar da importancia da privacidade para evitar os riscos de Internet ou das redes sociais son algúns dos aspectos fundamentais para traballar co alumnado e coas familias. “Moitos adolescentes non miden a pegada que pode ter subir unha foto ou compartir datos hoxe”, subliña Fina Paulos.
Neste sentido, non son alleos ao debate que se está xerando sobre a prohibición das redes sociais para os adolescentes ata os 16 anos e insisten en que a educación é a clave de todo. “Educación e supervisión”, coinciden os profesores, conscientes de que as familias deben coñecer en todo momento que plataformas e redes sociais utilizan os seus fillos, nunha sociedade na que cada vez están máis pendentes do teléfono móbil e do universo virtual que do mundo real.
Como educadores, Paulos e Rey coñecen perfectamente o efecto negativo para os nenos e mozos que ten o exceso das pantallas no día a día, que se traduce na pérdida de atención ou na escasa comprensión lectora, tal como alertou o último informe Pisa, con datos demoledores entre os adolescentes. “As pantallas non son a única causa, pero si un factor importante: favorecen a lectura fragmentada, a inmediatez e a distracción constante”, asegura Fina, que aposta por “recuperar tempo para ler textos longos, comentalos, discutilos e escribir con calma”.
Óscar ten unha visión similar e insiste en que na escola habería que facer lectura diaria en todos os niveis e en todas as materias, non soamente nas Linguas, ademais de “reducir notificacións e usos pasivos do móbil, formar familias, e empregar a IA como apoio para adaptar textos, non como substituto do esforzo de comprender”.
Conscientes de que a IA chegou ás nosas vidas para quedar, pero tamén cando se empeza a cuestionar o exceso de tecnoloxía nas aulas, como expertos na materia piden que non se demonicen os avances conseguidos, e que o ideal sería un equilibrio entre os enfoques máis tradicionais e a tecnoloxía. “A clave está no equilibrio. Un modelo híbrido pode combinar o mellor dos dous mundos: métodos sólidos e presenciais cando constrúen coñecemento, e ferramentas dixitais cando achegan accesibilidade, personalización ou creatividade”, defende Óscar Rey.
Fina Paulos cre que os dous conceptos son compatibles e destaca os efectos positivos que supón “recuperar a escrita a man, a lectura profunda, a exposición oral ou o traballo sen pantallas”. “O que non ten sentido é rexeitar a tecnoloxía por principio”, aclara a docente.

Neste sentido, subliñan que a figura do profesor nunca desaparecerá, tal como se alerta dende algúns ámbitos, coa chegada masiva da intelixencia artificial ás aulas, aínda que isto si cambia o seu papel. “O profesor deixará de ser só quen transmite información para ser quen desempeña experiencias, orienta, supervisa, valida e acompaña”, asevera Óscar, ao tempo que defende a importancia da IA como complemento para preparar materiais ou para a atención á diversidade. “A IA non coñece o contexto, non motiva, non detecta cando un alumno está a pasar por un mal momento nin pode substituír a relación educativa”, insiste.
Fina ten unha opinión similar e afirma que “non hai un modelo único de aula nin dous alumnos iguais”. “A tecnoloxía pode axudar, pero quen mellor coñece a clase segue sendo o docente”, afirma, ao tempo que reivindica que seguirá sendo unha figura imprescindible no futuro, independentemente dos avances tecnolóxicos.
A este respecto, tamén pronostican que as aulas sufrirán cambios significativos nos próximos anos grazas á IA, e que pode ser unha grande oportunidade si se utiliza correctamente. “Se sabemos a adaptarnos, a IA pode liberar tempo para o que de verdade importa: pensar, conversar, colaborar e aprender con sentido”, defende Fina.
No contexto diario os docentes xa deben adaptarse á nova realidade e ser capaces de buscar un novo enfoque ao seu traballo para que o chatGPT non elimine o esforzo do alumnado. “Temos que cambiar a avaliación. Se unha redacción se pode facer en cinco minutos na casa, hai que facela na aula, en papel, e logo defendela oralmente”, sostén Fina, mentres que Óscar aboga por unha formación transparente para ser capaz de entender e defender ese traballo, aínda feito pola IA.











