Cultura independente que latexa dende Vimianzo
Encontros, creación, arte e música encheron a Casa de Cultura durante tres días no festival Vimindie

Vimianzo converteuse estes días na capital da cultura independente coa primeira edición do Vimindie. Unha cultura independente que latexa dende o rural, tal como reivindican dende o Concello. Tres días de encontros, creación, arte e cultura independente converteron a Casa da Cultura nun espazo para compartir, descubrir e deixar voar a imaxinación.
Dende o Concello de Vimianzo queren agradecer aos organizadores e a todas as persoas e entes que fixeron posible este festival, en especial aos promotores Raquel Gerpe e Leo Poncia, que apostaron por sacar das cidades vilas grandes este tipo de eventos, con moito acerto. O festival tamén saiu á rúa implicando ao comercio local, e o alumnado do CEIP San Vicenzo e do IES Terra de Soneira encheron de arte os escaparates dos establecementos.
A última xornada do sábado foi a de maior actividade con talleres para aprender a debuxar manga e para facer o primeiro fanzine, ademais de apostar pola creatividade fronte á Intelixencia Artificial (IA) que invade as nosas vidas. Tamén houbo espazo para unha conversa con Cari Ca arredor do libro ilustrado 'Coralia e Maruxa', charla con novos talentos, faladoiro con Rubén Rial e David Calviño e presentación da comedia 'A historia vaxenial', con Raquel Nogueira.











