Servando Barreiro presenta 'A meniña gaiteira' no auditorio da Picota
O acto será o domingo, Día das Letras Galegas, con entrada libre e gratuita

O Auditorio da Casa de Cultura da Picota acollerá este domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha proposta cultural única para celebrar a festa da nosa lingua. O músico e contador de historias Servando Barreiro presentará "A Meniña Gaiteira", un espectáculo musical e narrativo baseado na vida e obra de Rosalía de Castro, a nosa Poeta Nacional.
A través de poemas cantados, pasaxes biográficas e reflexións sobre a súa condición de muller e escritora, a proposta combina momentos enérxicos con outros intimistas, achegando a figura de Rosalía ao público actual e poñendo en valor a súa vixencia e o seu legado. Unha homenaxe á nosa lingua e á nosa poeta O Día das Letras Galegas é a data na que Galicia homenaxea a quen escribiu e contribuíu á dignificación da nosa lingua.
Nesta ocasión, Mazaricos súmase á celebración cunha proposta que une música, palabra e memoria da man dun artista cunha longa traxectoria na recuperación da tradición oral e musical galega. Servando Barreiro, coñecido polo seu traballo de investigación e divulgación da cultura popular, ofrece neste espectáculo unha mirada fresca e emocionante sobre Rosalía, afastándose dos tópicos e conectando co público de todas as idades. O concerto dará comezo ás 17.00 horas con entrada libre e gratuita.










