O Concello de Santa Comba homenaxea a Maruja Pérez pola súa próxima xubilación
Logo dunha vida adicada á hostalaría no bar A Cerca en Vilar de Céltigos

O Concello de Santa Comba rendeulle homenaxe este xoves a María del Carmen Pérez Castro, coñecida por todos en Vilar de Céltigos como Maruja, con motivo da súa próxima xubilación tras toda unha vida dedicada á hostalaría á fronte do bar A Cerca.
“Un establecemento que durante máis de medio século foi moito máis ca un negocio: foi un auténtico punto de encontro para a veciñanza”, asegurou o alcalde, Alberto Romar Landeira.
Así o destacou durante a visita que lle fixo a Maruja para felicitala persoalmente por ese merecido retiro, facéndolle entrega dun detalle e dun escudo do Concello “en recoñecemento a unha traxectoria marcada polo esforzo, pola dedicación e pola cercanía coa xente”.
O bar A Cerca abriu as súas portas nesta aldea da parroquia de Grixoa o 22 de xuño de 1972 da man do pai da hoxe homenaxeada. Ela tiña daquela 15 anos, pero desde o primeiro día púxose a traballar no negocio familiar, iniciando unha etapa que a acompañou ata a actualidade.
Hoxe, con 69 anos, Maruja despídese da profesión coa satisfacción do traballo ben feito. "Son moitos anos detrás da barra, sempre desde as oito da mañá ata o peche, pero estou moi contenta porque os clientes co tempo foron converténdose en familia", asegura quen sempre desfrutou do trato coa xente.
Nos seus primeiros anos, o establecemento combinaba a función de ultramarinos e de taberna. Co paso do tempo especializouse na hostalaría, ofrecendo racións e converténdose nun lugar de referencia na comarca, especialmente polo seu coñecido raxo, unha das especialidades da casa.
Ao longo destas máis de cinco décadas, polo bar A Cerca pasaron milleiros de clientes e tamén persoas coñecidas, como o actor galego Luis Iglesia, así como peregrinos de distintas nacionalidades, deixando pegada nun negocio que sempre destacou polo ambiente familiar e polo trato próximo.
Durante a visita deste xoves, o alcalde destacou a importancia que o establecemento tivo para a vida social do lugar: "En Vilar de Céltigos este bar foi sempre un centro neurálxico, case un centro sociocultural. O seu peche deixa triste a toda a veciñanza, porque desaparece o único bar do lugar e un espazo que durante décadas serviu para reunir a xente e fortalecer a vida da aldea", sinalou Alberto Romar.
O rexedor agradeceu tamén a Maruja "o seu exemplo de traballo e de dedicación durante tantos anos" e puxo en valor o papel que desempeñan os pequenos negocios de hostalaría como motores da convivencia no rural.
Aínda que recoñece que pecha o negocio con fonda tristura, a mítica hostaleira xalleira afronta esta nova etapa coa ilusión de “poder descansar e dedicar máis tempo á familia”.
Festa de despedida
Pero antes diso, Maruja despedirase como mellor sabe: rodeada da súa xente. "Vou facer unha festa de despedida con música e pinchos porque, despois de tanto tempo, creo que os clientes e as clientas o merecen. Tiven a sorte de ter unha clientela moi boa de toda a redonda", explica con orgullo.
A festa celebrarase este sábado, 11 de xullo, coincidindo co último día de apertura do Bar A Cerca. Será o broche final a unha historia de máis de medio século de traballo e de hospitalidade que forma xa parte da memoria colectiva de Santa Comba.
Co peche do establecemento, Vilar de Céltigos perde o seu único bar, pero queda o legado dunha muller que converteu un negocio familiar nun espazo de encontro e de convivencia para varias xeracións de veciños e veciñas.
.











