
A Praza dos Libros, a Plic!, volveu este xoves a Carballo tras dous anos de parada obrigada pola pandemia da covid. Volve despois de 1.089 días dende que se pechou a última edición no ano 2019, tal como lembraba o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, no acto inaugural, e deixando atrás “cousas que ninguén” se atrevería a imaxinar e que se “perderán no tempo como bágoas na choiva”.
A Praza do Concello encheouse de novo de vida, convertida nunha feria de creatividade cultural, tal como indicou Trigo e o propio alcalde, Evencio Ferrero, e así permanecerá ata o domingo. Onte os libros mesturáronse cos postos do mercado dos xoves, música e animación cultural. Anxo Moure paseou a súa Ciclobiblioteca durante toda a mañá, en compañía dos máis pequenos, e os clientes que compraban un libro recibían de regalo un pack de atún Calvo.
O rexedor tamén se mostrou moi satisfeito da volta da Praza dos Libros e agradeceu a presencia de todos os libreiros que a fan posible, ademais de destacar a figura de Xan Fernández Carrera, que exerceu de pregoeiro, polo seu “exemplar traballo”.
Pola súa banda, o pregoeiro mostrouse “moi honrado” por este cargo, aínda que dixo estar convencido de que hai outras “persoas de maior posición intelectural e maiores méritos” que o merecían máis. Tras mostrar a súa ledicia por volver a esta feira, quixo buscar algo positivo que trouxo a pandemia, que “nos deixou o interese pola lectura e a reflexión”, recuperando “libros aparcados” nos fogares cos que matar o tempo de confinamento. “Os índices de lectura da cidadanía aumentaron e tamén os hábitos de entrar nas librarías”, engadiu Fernández Carrera.